Descripción
É unha visita a parroquia de San Pedro de Outes que comeza ao pé da ermida do Socorro de Mirás, onde é famosa a romaría, que se celebra o primeiro domingo de setembro. Iniciarase o percorrido pola parte norte ou cabeceira do val, pasando polo nacemento do río Bendimón preto da aldea de Lucil, dende onde se pode observar a paisaxe agrogandeira e forestal que conforma o val.
Visitarase o alto da Vaqueira, unha altiplanicie onde abundan os prados verde intenso adicados á herba para o gando vacún presente na zona. Un dos elementos máis interesantes da visita é o cruce onde se ergue o cruceiro de Baneo, punto nuclear na antiga rede de camiños tradicionais que cruzaban a Vaqueira, comunicando as aldeas do val de Carleo con Outes. Baixarase por Carleo de Arriba ata o val, cruzando o río Bendimón onde se situaba o antigo castro de Carleo, para comezar a subir cara a Carballa da Cova para visitar os petróglifos que existen na carballeira que lle da nome a aldea. Continuarase camiño cara a Mirás, pasando moi preto da ubicación do antigo castro de Mirás, a medio camiño entre esta aldea e o castro de Carleo, para rematar o percorrido na ermida do Socorro.
Punto de encontro: capela do Socorro de Mirás